Finaciamento do proxecto
Fundación Daniel e Nina Carasso
Creada en 2010, a Fundación Daniel e Nina Carasso é unha fundación familiar afiliada á Fondation de France. A Fundación materializa o seu compromiso en dúas grandes áreas: a Alimentación Sostible, para acceder de forma universal a unha alimentación sa, respectuosa coas persoas e os ecosistemas; e a Arte Cidadá, coa que se traballa para o desenvolvemento do espírito crítico e o reforzo da cohesión social.
Para iso, a Fundación presta o seu apoio a proxectos en Francia e en España:
– Aportando medios económicos: subvencións e investimentos de impacto social.
– Mobilizando os recursos humanos: experiencia, acompañamento, formación, creación e dinamización de redes
– Deseñando e desenvolvendo accións: programas, eventos, publicacións.
As accións da Fundación inscríbense nunha perspectiva transformadora que engloba todo o espectro de cambios necesarios nos nosos sistemas políticos, económicos, sociais e culturais. Na procura dunha resposta á altura de tales desafíos, promóvese a innovación social cun carácter de ruptura ou de reorientación cara a modelos verdadeiramente sostibles. Así mesmo, apóstase por un cambio de escala dos proxectos e pola súa capacidade para desprazar os límites nos seus sectores ou territorios, favorecendo con iso a cooperación e as interaccións.
Programa Leader
O enfoque LEADER consiste en ceder a iniciativa de planificación ás comunidades locais de cada territorio rural, que, organizadas en Grupos de Acción Local, elaboran e executan unha estratexia de desenvolvemento para dito territorio aproveitando os seus recursos. LEADER vén sendo un importante compoñente do desenvolvemento rural da Unión Europea dende os anos 90. Dende 2014, ten evolucionado cara ao Desenvolvemento Local Participativo. Por iso, LEADER é unha ferramenta esencial para a dinamización e o emprendemento no medio rural. Na actualidade, o Programa LEADER vixente é o Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC), financiado polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) é unha axencia pública autonómica da Xunta de Galicia que promove e coordina o desenvolvemento rural en Galicia. Este desenvolvemento ten como finalidade mellorar a calidade de vida e as condicións dos habitantes do medio rural, ao tempo que contribúe á cohesión do territorio galego. A AGADER elabora estratexias, planifica actuacións, coordina e xestiona recursos destinados ao desenvolvemento do medio rural. Como entidade pública xestora do programa LEADER en Galicia, realiza as tarefas de apoio, seguimento e control dos programas executados polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) no noso territorio.