Socios do proxecto

Socio Coordinador

Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos

Mariñas-Betanzos é unha organización sen ánimo de lucro, constituída en 2008 coa finalidade de ser o núcleo de integración dos axentes territoriais, institucionais, sociais e económicos interesados en promover o territorio de actuación. A súa estratexia de desenvolvemento ten como obxectivo a valorización do territorio, incidindo na mellora da calidade de vida da poboación, a partir da posta en valor do patrimonio natural, cultural e da cohesión social. Como Grupo de Desenvolvemento Rural, xestiona a medida LEADER, enmarcada no Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC) no territorio.

En 2013, a UNESCO declarou “Mariñas Coruñesas” Reserva de Biosfera, quedando así enmarcada no Programa MaB, co obxectivo de establecer un novo modelo de relación entre o ser humano e a natureza. Mariñas-Betanzos desenvolve, con carácter anual, un Programa de Educación Ambiental dirixido á comunidade escolar.

www.marinasbetanzos.gal

Socio beneficiario 1

Escola Infantil Municipal A Caracola

A escola está integrada na Rede de Escolas Infantís de titularidade municipal (REIM) do Concello da Coruña, sendo xestionada pola concesionaria Dulce Comienzo, S.L. desde o ano 2008.


Está sometida á normativa vixente para as escolas de primeiro ciclo de Educación Infantil (0-3 anos) e ao Regulamento de organización e funcionamento da REIM, publicado no BOP de A Coruña o 16 de febreiro de 2023.

Conta cunha dilatada experiencia na conformación de menús ecolóxicos con produto de proximidade, así como na participación en redes temáticas a nivel estatal. Participa na iniciativa EcoComedores practicamente desde os seus inicios.

www.facebook.com/EscolaACaracola

Socio beneficiario 2

Fundación Juana de Vega

A Fundación Juana de Vega é unha entidade privada sen ánimo de lucro, creada no ano 1872, por Juana de Vega quen ao final da súa vida deixou todo o seu patrimonio para constituír a fundación co obxectivo de crear unha escola teórico-práctica de agricultura.

Hoxe en día, a Fundación continúa desenvolvendo o seu labor a favor do desenvolvemento rural de Galicia, pero adaptado á realidade e ás necesidades da sociedade actual.

As tres áreas estratéxicas de traballo da entidade son: apoio ao sector agroalimentario e forestal, innovación e investigación e paisaxe e territorio.

O obxecto desta Fundación é promover, mediante as iniciativas que estime precisas, por se soa ou en colaboración con persoas ou entidades públicas ou privadas, o coñecemento, a conservación e o desenvolvemento do medio rural de Galicia, con especial dedicación á investigación, a innovación, a formación da súa poboación activa, a preservación da súa contorna natural e cultural e a mellora da súa base económica e das actividades con ela relacionadas.

A nosa misión é por tanto mellorar a calidade de vida da poboación do medio rural, como colectivo desfavorecido, cun enfoque baseado na participación social e a innovación.

www.juanadevega.org