Traxectoria EcoComedores
Traxectoria EcoComedores
A raíz da posta en marcha do Plan Alimentario da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas (apoiado no seu momento pola Fundación Biodiversidad), o proxecto da os seus primeiros pasos no ano 2015 cunha experiencia piloto de subministro de alimentos de tempada e ecolóxicos a tres comedores escolares.
Logrando que 800 alumnos e alumnas consumiran un día un menú conformado por produtos de proximidade. Empeza así a identificación de oportunidades de desenvolvemento para EcoComedores.
Entre os anos 2017-2019, séguese a traballar, conseguindo a implicación de centros escolares, explotacións locais e Administracións. Lévanse a cabo actividades de formación, asesoramento e coordinación, chegando a un pico do proxecto con 15 comedores escolares implicados con arredor de 2.600 nenas e nenos, o cal vese abruptamente interrompido pola crise da COVID-19.
Xurde nese momento a implicación no proceso da Fundación Daniel e Nina Carasso, a cal, a través do seu Programa de Alimentación Sostible, apoia, xunto co Programa Leader 2014-2020, á Asociación de Desenvolvemento Rural Mariñas-Betanzos e á Escola Infantil Municipal A Caracola nun proxecto destinado a reforzar os vínculos da iniciativa coa comunidade escolar; realizando unha avaliación da situación, capacitando no deseño e elaboración de menús adaptados á temporalidade e tratando de incorporar novas escolas e explotacións.
Posteriormente, a través dos proxectos de cooperación do Programa Leader, EcoComedores traballa na súa extrapolación cara outros territorios de Galicia, chegando a darse a coñecer en practicamente a metade dos Concellos da Comunidade.
Tómanse neste momento algunhas decisións fundamentais no proceso, como é a sentar as bases para a posta en marcha dun marketplace que permita a interactuación dixital entre oferta e demanda. Comeza tamén o interese por parte de comedores colectivos de empresas e a implicación de departamentos da Administración como a Axencia Galega de Servizos Sociais.
Chégase así ata o momento actual (período 2023-2026), no que novamente coa colaboración da Fundación Daniel e Nina Carasso e do Programa Leader 2023-2027, as entidades da Asociación Mariñas-Betanzos / Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, a Escola Infantil Municipal A Caracola e a Fundación Juana de Vega, están a traballar a prol da consolidación da iniciativa. Ademais de seguir tratando de incorporar novos produtores e puntos de consumo e de exercer de catalizador e de inspiración para outros territorios, os tres socios do proxecto centran os seus esforzos na mellora da loxística e na procura da viabilidade e independencia económica.