O proxecto ECOCOMEDORES DA BIOSFERA iniciou hoxe unha nova etapa coincidindo coa xornada de lanzamento do programa para o próximos tres anos. Ata finais de 2026, o obxectivo será escalar a folla de roteiro iniciado en 2015 no ámbito do consumo de produtos ecolóxicos en comedores colectivos, escolares e empresariais, para seguir fomentando hábitos alimentarios saudables á vez que se potencia a produción agroecológica local, os circuítos curtos de comercialización e, en xeral, a creación de riqueza no rural. Actualmente, os 16 centros adscritos serven 6.850 comidas diarias elaboradas con verduras e hortalizas ecolóxicas cultivadas en explotacións de proximidade.
O consorcio, integrado pola Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, a Fundación Juana de Vega e a Escola Infantil Municipal A Caracola, traballará no marco do programa denominado “ECOCOMEDORES DA BIOSFERA II: avanzando cara á optimización produtiva, comercial e loxística” para sincronizar demanda con oferta e escalala para chegar ao máximo número de interesados neste novo modelo de consumo. O proxecto volverá contar co apoio económico da Fundación Daniel e Nina Carasso, que a través da convocatoria Alimentación Sostible 2023 – Do campo á mesa, achegará un 58,40% dun orzamento total de 119.440€.
A través dun cronograma de traballo xa definido, as frontes de actuación dividiranse en tres bloques complementarios entre si para actuar sobre todos os elos da cadea: cultivo – loxística, centros de consumo e gobernanza.
Más puntos de consumo
Nos meses pasados xa se avanzou na incorporación de novas explotacións. Actualmente, mostraron a súa disposición para participar en ECOCOMEDORES DA BIOSFERA II outros 2 produtores que se sumarían aos 7 actuais.
En paralelo, aos centros escolares participantes prestaráselles asesoramento para organizar os menús saudables, elaborar novos pratos nutritivos e, en consecuencia, incrementar a demanda e a produción.
O último elo da cadea será definir un modelo de gobernanza do sistema alimentario en circuítos curtos adaptado á realidade deste territorio, que aglutine aos diferentes axentes públicos e privados implicados. A primeira mesa de gobernanza, que terá carácter cuadrimestral, tivo lugar hoxe mesmo coa asistencia de representantes da Consellería de Educación, Medio Rural, Política Social, Concello da Coruña, produtores, asociacións de cociñeiros, sector empresarial e TIC, ademais de representantes do consorcio.
Modelo único en Galicia
A xornada de lanzamento de ECOCOMEDORES DA BIOSFERA II contou durante a apertura con José Manuel Andrade, director da Fundación Juana de Vega, e con José Antonio Santiso, presidente da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas.
Durante os relatorios, Miguel Fernández, do equipo técnico da Reserva; Beatriz Ferreiro, da EIM A Caracola; e Beatriz Suárez, directora de Desenvolvemento Rural da Fundación Juana de Vega, fixeron un repaso polos inicios de ECOCOMEDORES, dos fitos conseguidos, dos novos obxectivos, así como dos cambios cualitativos e cuantitativos que se esperan implementar ata finais de 2026. “Ofrecer á nosa infancia alimentos de calidade e menús equilibrados é un deber da sociedade. Por iso, o servizo de comedor das escolas e dos colexios ofrécennos un espazo máis de educación que debemos aproveitar para transmitir a todas as persoas o valor dunha alimentación sa, equilibrada e variada”, destacaba Fernández.
Pola súa banda, Beatriz Ferreira, lembrou que A Caracola leva oito anos apostando polos menús saudables e mostrouse moi ilusionada con esta nova etapa. Animou “a todas as administracións implicadas a sumarse para darlle un maior impulso, consolidar o programa e chegar a máis usuarios”. Xa por último, Beatriz Suárez, da Fundación Juana de Vega, lembrou que “ECOCOMEDORES é un proxecto único en Galicia” que se basea en procesos respectuosos co medio e nun sector primario enraizado no territorio que dá vida ás comunidades rurais”.
Caso de éxito en Navarra
Os asistentes á xornada desta mañá tamén puideron coñecer unha experiencia similar no relatorio de Izaskun Berasategi, que presentou o programa de menús “Hemengoak – De Aquí”. Este é un caso de éxito a nivel nacional que conseguiu regular o proceso de compra pública de produto ecolóxico para a Rede de Escolas Infantís Municipais de Pamplona á vez que consolidou as condicións económicas a percibir polos produtores e as directrices para elaboración das comidas.
2015 – 2023, nove anos de traxectoria
O proxecto ECOCOMEDORES xurdiu en 2015 como unha alianza entre centros escolares e a Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas para potenciar o consumo de produtos ecolóxicos, de tempada e de proximidade. Sumáronse despois a EIM A Caracola e a Fundación Juana de Vega.
En 2020 conseguiuse o primeiro recoñecemento a nivel nacional co apoio da Fundación Carasso ao proxecto “ECOCOMEDORES DA BIOSFERA: relocalizando os procesos dos sistemas alimentarios a través de políticas alimentarias locais ou de iniciativas de restauración colectiva” como único de Galicia dentro do seu Programa de Alimentación Sostible.
Nesta fase traballouse na consolidación dos comedores escolares adscritos en 2015, incorporando comedores colectivos de empresa. Creouse tamén unha plataforma de compras virtual da man de Plant on Demand, na que se centralizan os pedidos de verdura ecolóxica, tanto para comedores escolares como colectivos. Á vez, levou a cabo un exitoso acompañamento nutricional a centros escolares para favorecer cambios nos menús, elaboración de fichas técnicas e novos pratos.
Todo isto permitiu replicar o modelo noutros territorios a través dun proxecto de cooperación entre diferentes Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia: a Rede de Ecocomedores.
A finais de 2023 alcanzouse un novo fito cando a Fundación Carasso decidiu seguir apoiando tres anos máis o proxecto “ECOCOMEDORES DA BIOSFERA II: avanzando cara á optimización produtiva, comercial e loxística” no marco da convocatoria Alimentación Sostible 2023 – Do campo á mesa.