NOVAS / ACTUALIDADE

A Coruña acolle o III Encontro Estatal de Centros Agroecolóxicos de Distribución (CAD) para avanzar na creación dunha rede de distribución propia para a pequena e mediana produción

Organizado por GIASAT e a Asociación ECOAGRA, as xornadas contaron coa participación de 12 agrupacións de produción agroecolóxica procedentes de 9 comunidades autónomas 

A Coruña acolleu a semana pasada a celebración do III Encontro Estatal de Centros Agroecolóxicos de Distribución (CAD) que reuniu a 12 agrupacións do sector da pequena e mediana produción para avanzar na creación dunha rede estatal de CAD para a distribución de alimentos de tempada e proximidade.

Organizado por GIASAT e a Asociación ECOAGRA, e coa colaboración da iniciativa EcoComedores da Biosfera e a Fundación Juana de Vega, as xornadas -celebradas entre o 5 e o 7 de marzo- incluíron visitas de traballo e intercambio de experiencias na sede central de INDITEX en Arteixo e nas instalacións da Asociación Raíña Paraíso en Vilasantar, ademais dun percorrido pola feira BioCultura na Coruña.

O evento contou coa presenza de 12 agrupacións de produción agroecolóxica procedentes das comunidades de Galicia, Navarra, Aragón, Madrid, Andalucía, Valencia, Cataluña, Baleares e Canarias que, durante dous días, traballaron en consolidar a folla de roteiro inicial da rede. Entre os aspectos tratados, estiveron a intercooperación técnica e económica para camiñar nunha mesma dirección de maneira conxunta, así como as necesidades de xestión e financiamento dos diferentes proxectos que formarán parte da citada rede.

O obxectivo da Rede Estatal de CAD é impulsar a comercialización agroecolóxica en circuítos curtos, reforzando a cooperación, a equidade e a sustentabilidade da pequena e mediana produción, e contribuír así a unha alimentación máis saudable e próxima para a sociedade.

Nese sentido, ademais das xornadas de traballo técnico, a cita dedicouse en boa parte a coñecer in situ o ecosistema galego. O primeiro día realizouse unha visita á sede central de INDITEX en Arteixo para coñecer da man do seu director de Innovación, Pablo Gómez, os comedores deste centro de traballo e o papel protagonista da produción local na estratexia desenvolvida pola multinacional téxtil no ámbito da restauración colectiva.

Precisamente sobre este tema virou a charla-coloquio “Conectando a produción local e agroecolóxica coa restauración colectiva en Galicia” na que, ademais de Gómez, interviñeron Miguel Fernández Pardo, responsable da iniciativa Ecocomedores da Biosfera, -participada pola Asociación Mariñas-Betanzos, a Escola Infantil Municipal A Caracola e a Fundación Juana de Vega, co financiamento da Fundación Daniel e Nina Carasso, o o programa Leader e fondos propios-, así como Miguel Roig e Víctor Boga, integrantes da Asociación Produtiva ECOAGRA.

Os tres coincidiron nos beneficios económicos, sociais e ata sanitarios de territorializar o consumo introducindo alimentos ecolóxicos, de tempada e proximidade ou quilómetro cero en centros educativos e de traballo. Con todo, o principal cabalo de batalla segue sendo a loxística e a distribución. Para iso, expuxeron solucións como a planificación conxunta nos cultivos, a cooperación entre os diferentes sectores da produción local, o acceso a solucións dixitais de compra e venda conxuntas ou o apoio decidido da administración pública neste proceso de transformación alimentaria.

A sede da Fundación Juana de Vega acolleu a xornada de traballo do segundo día entre as agrupacións participantes. En diferentes grupos abordáronse asuntos tan importantes para a rede como o seu modelo de gobernanza, a redacción dun plan estratéxico, a intercooperación técnica, as necesidades e capacidades para acceder conxuntamente a financiamento ou a súa futura proxección comercial. Tamén houbo espazo para coñecer a experiencia da Rede Estatal de Supermercados Cooperativos coa intervención de Fernando Navalón. O III Encontro Estatal de Centros Agroecológicos de Distribución (CAD) pechouse cunha visita á Asociación Raíña que impulsa o desenvolvemento rural mediante agricultura ecolóxica, orientada no seu maior parte a comedores escolares, e a inserción laboral, especialmente de mulleres, e un percorrido pola feira Biocultura, na que GIASAT tivo a oportunidade de presentar o seu proxecto no stand da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas.

Sobre GIASAT

O encontro da Coruña é o terceiro destas características organizado por GIASAT co apoio da Fundación Daniel e Nina Carasso. O primeiro tivo lugar en Valencia en 2024 e o segundo en Granada o pasado ano. Nesta edición, desde Galicia estivo presente a Asociación ECOAGRA.

A representación navarra correu a cargo do centro de provisión de alimentos ecolóxicos de Navarra Ekoalde.

Pola súa banda, Cataluña chegou con Terra Pagesa, unha iniciativa para a comercialización e a distribución de produtos de proximidade e de tempada provenientes do pequeno e medio campesiñado. Como convidada, estivo a cooperativa La Diligencia, que ofrece servizos que permiten mancomunar o labor de loxística e transporte das produtoras e elaboradoras agroalimentarias en proxectos locais facilitando o movemento de mercadorías e a conexión entre persoas e territorios.

Desde a Comunidad de Madrid, estivo presente a Unión de Huertas Agroecológicas de Madrid (UHAM) que aglutina cinco hortas en Ciempozuelos, Bustarviejo, Torremocha del Jarama e Valdetorres del Xara que producen e venden verduras de produción agroecolóxica.

Aragón presentouse coa cooperativa de produtores e produtoras de froita ecolóxica da comarca de Calatayud, Saltamontes Bio.

Da Comunidade Valenciana, estivo o programa Horta Cuina que aposta pola produción agraria de l’Horta de València e as comarcas veciñas para consolidar unha alimentación saudable, sostible e de calidade nos comedores escolares.

Por parte de Andalucía, acudiron a cooperativa Tierra y Libertad, unha rede de predios, granxas familiares e pequenas cooperativas de apoio á agricultura familiar de pequena escala, e a Cooperativa Agroecológica Valle y Vega, que produce froita e verdura, ademais de comercializar produtos ecolóxicos de Granada.

As illas tamén participaron no encontro. Por Canarias viñeron Buscándome Las Habichuelas, empresa de inserción social en Tenerife cunha rede de produción e distribución de produto fresco e ecolóxico, e a cooperativa Biocanarias, formada por un grupo de agricultores orgánicos de Gran Canaria. Por último, a Asociación Pagesos Ecològics de Mallorca S. Coop, cooperativa de apoio á comercialización de produtos ecolóxicos locais, de pequenos produtores e elaboradores, trasladouse desde Baleares.

O Consorcio GIASAT (Gestión Integral Agroecológica de los Sistemas Alimentarios Territorializados) foi creado en 2020 e actualmente confórmano o Centro de Estudios Agrarios y de Agricultura Internacional (CERAI), a Fundación Entretantos, a Cooperativa Germinando, o Instituto de Sociología y Estudios Campesinos de la Universidad de Córdoba (ISEC), Plant On Demand e Menjadors Ecològics Apoian a creación e consolidación de Centros Agroecolóxicos de Distribución (CAD) ofrecendo servizos de acompañamento estratéxico personalizado a pequenas e medianas producións locais e pemes agroalimentarias. Ademais, propoñen innovacións sociais e tecnolóxicas baseadas en solucións colectivas para que cada territorio, de forma colaborativa, poida dispoñer de alimentos ecolóxicos, frescos e de tempada adquiridos directamente a produtores e produtoras a prezos xustos en contornas de proximidade.

A Coruña acolle o III Encontro Estatal de Centros Agroecolóxicos de Distribución (CAD) para avanzar na creación dunha rede de distribución propia para a pequena e mediana produción

Compartir: